Saturday 18 de May de 2024

Feijóo celebra o novo modelo que lle acaba de ser adxudicado á planta de PSA en Vigo, que garante carga de traballo, novos investimentos e un futuro planificado para o sector ata 2026


Incide en que con este novo proxecto “queda despexada” a vindeira década, cuns investimentos de ata 640 millóns de euros, que van ter un efecto multiplicador polo seu impacto nas empresas auxiliares de compoñentes

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, celebrou o novo modelo que lle acaba de ser adxudicado á planta de PSA en Vigo, que garante carga de traballo, novos investimentos e un futuro planificado para o sector ata 2026. “Hoxe podemos confirmar máis carga de traballo, máis proxectos, máis horas e máis compoñentes. En definitiva, estamos a falar dunha década, 2016-2026, de plena actividade e carga de traballo para a planta”, abundou.

Así o expresaba o máximo responsable autonómico tras unha xuntanza cos directivos de PSA Vigo, á que asistiu acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Alí, o presidente do Grupo, Carlos Tavares, comunicoulle ao titular da Xunta que a fábrica de Balaídos acaba de facerse cun novo proxecto industrial que se suma ao das furgonetas K9.

Diante desta boa nova, Feijóo sinalou que o novo proxecto que lle acaba de ser adxudicado a Balaídos contempla a fabricación dun novo modelo de vehículo dentro da gama dos turismos e trae consigo unha mellora nas previsións en canto a nivel de actividade. E incidiu en que con este novo proxecto “queda despexada” a vindeira década, cuns investimentos de ata 640 millóns de euros, que van ter un efecto multiplicador polo seu impacto nas empresas auxiliares de compoñentes.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que esta actividade producirá un efecto dominó inmediato desde o punto de vista da innovación, da industria 4.0, da industria de compoñentes, das exportacións, así como un incremento da produción industrial e do peso do PIB. Ao que engadiu que, “con esta nova mantemos o compromiso de que en 2020 o peso da industria no PIB galego chegue ao 20% e que, polo tanto, sexamos capaces de cumprir o noso proxecto industrial de 100.000 novos empregos na comunidade, no que a industria se refire”.

Repercusións para o sector
O titular do Goberno galego, insistiu en que este novo modelo consolidará a posición da planta de Balaídos no conxunto do Grupo PSA, incrementará a carga de traballo e garantirá os postos de traballo actuais, ao tempo que impulsará o crecemento e a competitividade da industria auxiliar de compoñentes.

Diante disto, Feijóo aproveitou a xuntanza para felicitar aos traballadores da factoría de Vigo, “xa que grazas a eles a compañía renova a súa confianza na planta”; ao director de PSA Peugeot-Citroën Vigo, Yann Martin, “porque foi capaz de manter o alto nivel da factoría viguesa”; ao CTAG, por ser clave no impulso da innovación e a transformación do sector á industria 4.0; e a CEAGA, por contribuír a que o polo ibérico sexa un dos máis produtivos do grupo PSA.

“Quero felicitar en xeral a toda a sociedade galega, á industria de compoñentes, ás máis de 19.000 familias que traballan no sector, á Zona Franca, ao Porto de Vigo… por facer posible que Galicia sexa un dos lugares do mundo de maior investimento de PSA Peugeot-Citröen “, engadiu.

Logo de lembrar que ata o mes de abril o número de coches producidos en Vigo subiu un 12% (17.000 vehículos máis que no primeiro cuatrimestre de 2015); que se aumentou a previsión de produción para 2016, superando os 400.000 vehículos; e que, na actualidade, estanse exportando 3,5 millóns de vehículos que se fabrican en Galicia; Feijóo concluíu garantindo o compromiso da Xunta para seguir traballando e colaborando con PSA Peugeot-Citröen dentro da configuración da Industria 4.0.